27 actuacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios chegarán este semestre a Pontevedra
Por Redacción
Este domingo 29, dentro do ciclo 'Domingos do Principal', iniciarase a programación en Pontevedra de obras de teatro procedentes da Rede Galega de Teatros e Auditorios con 15 compañías que ofrecerán 27 actuacións para públicos diversos ao longo do semestre.
Para esta programación investíronse 44.800 euros entre a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e o Concello de Pontevedra. Os espectáculos con máis presenza serán os de público familiar.
En febreiro, os espectadores de todas as idades poderán gozar da musicomedia xestual 'Concerto Singular', de Píscore. En marzo chegará Teatro Ó Cubo con 'O Faiado' e 'O mundo lirondo', de Spasmo Teatro.
Ao longo de abril representarase no Pazo da Cultura o espectáculo infantil 'Bathtime', de Katarsis Educación e Teatro; 'O secuestro da bibliotecaria', de Sarabela Teatro; 'Pintamúsica!', de Viu o Teatre; a compañía Talía Teatro presentará 'Rosa Caramelo e outras historias' mentres que Baobab Teatro, o grupo pontevedrés, ofrecerá a súa montaxe Puño Puñete 2 para que os menores vivan unha experiencia entrañable destinada a que exploten os seus recursos orais, a través da música e os contos.
A música será a gran protagonista en abril con espectáculos de Magín Branco; de María Fumaça e 'Radio Bulebule', de Paco Nogueiras.
Os adultos tamén contarán durante ese mes coas obras teatrais 'Nacidas libres', de Contraproducións e 'Emilia', de Teatro do Barrio. En maio, o Pazo da Cultura acollerá 'Casa O'Rei', un espectáculo de Ibuprofeno Teatro cun texto de Santiago Cortegoso baseado no Rey Lear, de Shakespeare.