O conto Rubicundo, de María Canosa, cobra vida nos Domingos do Principal
Por Redacción
A compañía de Teatro dos Ghazafelhos presentará este domingo 28 de xaneiro dentro do ciclo Domingos do Principal a obra 'Rubicundo'. Trátase dun espectáculo baseado no conto do mesmo título de María Canosa, finalista no premio da XXIX edición do Merlín de literatura infantil 2014.
A obra está dirixida a escolares de máis de 5 anos e trátase dunha montaxe onde tres personaxes interactúan con diferentes obxectos, cantan e bailan. Ademais, 'Rubicundo' ofrece unha mestura de xéneros como acrobacia, claqué e música destinado a sorprender a un público familiar.
Esta compañía naceu en Narón no ano 2006 e realizan espectáculos de monicreques, contacontos e teatro de rúa.
A obra realízase en dobre sesión, ás 12.00 e ás 18.30 horas. A entrada para cada espectáculo é de 4 euros máis gastos en Ticketea.
En caso de non esgotarse previamente poderanse adquirirse dúas horas antes de cada pase no despacho de billetes do Teatro Principal de Pontevedra.