O Serán de Airiños da Fracha abandona Marcón e celebrarase en Ponte Caldelas
Por Redacción
O grupo "Airiños da Fracha" celebrará o seu VI Serán popular no local da discoteca Reivi. A cita é o próximo sábado, 27 de xaneiro, a partir das 21 horas e "ata que o corpo aguante".
O presidente de "Airiños da Fracha", Pablo Martínez Tomé, celebrou unha xuntanza co alcalde, Andrés Díaz, na que se pecharon todos os detalles dun evento co que están realmente ilusionados e co que esperan atraer a "medio millar de persoas chegadas de diferentes puntos de Galicia".
A entrada ao evento é completamente gratuíta e, "ademais, haberá sorteos e sorpresas", anunciou Pablo Martínez.
O goberno local tripartito está moi satisfeito desta nova e recalca que xa outras actividades foron retornando a Ponte Caldelas ao longo deste mandato municipal. "A clave está en apoiar a estas asociacións para darlles aire e forzas, porque son unha parte importante do dinamismo de Ponte Caldelas, pero iso tense tamén que traducir nun retorno para toda a veciñanza", subliñou o rexedor caldelán.
Unha boa mostra dese "exilio cultural" era este Serán, que levaba celebrándose durante os seus cinco anos de vida na Casa da Cultura de Marcón, a pesar de que Airiños da Fracha é un grupo caldelán. Tras as conversas co Concello chegouse a este acordo para traer o evento "á súa casa".