García Teijeiro, premio nacional de Literatura, padriño do VI Certame de Relato Curto da FANPA
Por Anxo Lourido
Os afeccionados á escritura teñen unha nova oportunidade de presentarse ao Certame de Relato Curto organizado pola FANPA, que chega a súa sexta edición. Este xoves presentábase na Deputación Provincial esta nova convocatoria, que conta co apoio da institución provincial e do Concello de Pontevedra.
Nesta ocasión espérase superar os 810 participantes de 2017. Unha vez máis poden presentarse todos os estudantes dos centros públicos da provincia de Pontevedra tanto de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional. Ademais, tamén poden presentar traballos as persoas adultas como familiares, profesorado ou universitarios dos campus de Pontevedra e Vigo. Precisamente, Rogelio Carballo, presidente da FANPA, indicaba que esperan que este ano se produza unha maior participación por parte da comunidade universitaria.
Os traballos, que deberán estar escritos en lingua galega, poden presentarse ata o 28 de febreiro de 2018 e a extensión mínima é de 200 palabras mentres que a máxima é de 300. As bases pódense consultar en certame.nontedurmas.org
Farase unha selección de 120 finalistas que participarán nunha segunda fase na que o xurado destacará 20 dos relatos e, entre eles, sairá a obra gañadora de cada categoría. Os premiados obterán un vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka, un xogo e unha lámina autenticada polo ilustrador Óscar Villán. Os 120 autores finalistas formarán parte dun libro colectivo no que se publicarán os seus relatos xunto ao elaborado por Antonio García Teijeiro, autor galardoado co Premio Nacional de Literatura. Esta publicación vai levarse a cabo a través da editorial Kalandraka, como en anteriores edicións.