Nova edición do Serán de Pousos da Area
Por Oskar Viéitez
A Asociación Folclórica Pousos da Area presentou este mércores no Concello de Marín a quinta edición do Serán Pousos da Area, que se celebrará o próximo sábado 20 de xaneiro no local multiusos do Mercado de Abastos en Marín.
Este evento contémplase dentro dun dos principais obxectivos da asociación que é a creación de proxectos encamiñados á difusión das nosas tradicións, tanto en espectáculos coma na rúa.
Os seráns erán un tipo de reunión de carácter festivo que se celebraban ao caer o día e constituían o punto de encontro dos veciños dunha aldea para a diversión despois dos duros traballos do día. Xuntábase a mocidade para bailar e cantar coa intención de coñecerse e pasar un bo rato todos xuntos. Normalmente, acudía tamén a xente maior da aldea para "vixiar" ós mozos e, a maior parte das veces, era a encargadas de cantar e tocar.
En Marín, a tradición dos seráns perdeuse hai máis de cen anos e Pousos da Area non atopou testemuños escritos da súa clara existencia, aínda que deberon de existir nas aldeas do interior do concello, xa que hai xente que recorda que seus pais ou avós falaran sobre este tipo de reunións.
Nesta edición, completarase cunha mostra de artesanía a partires das 18:00 horas que contará con unha gran variedade de productos elaborados de forma manual. A continuación, ás 19:00 horas comezarán xogos tradicionais para xente de tódas as idades.
Ás 21:00 producirase na Alameda Rosalía de Castro a denominada "Chamada ó Serán" que tradicionalmente se facía nas encrucilladas dos camiños das aldeas para avisar ós veciños da celebración do serán. A modo de reprodución, cantarase o "Canto de chamada ó Serán", convidando á xente á asistencia ó mesmo.
Ás 21:30 comeza o Serán propiamente dito, no que diferentes grupos chegados de moitos puntos da provincia tocarán pezas tradicionais para animar ós bailadores e asistentes ó evento. Ofrecerase chocolate con rosca ós asistentes e xa pola noite farase unha queimada co tradicional conxuro.