Un ciclo de concertos pechará os actos de homenaxe ao gaiteiro Ricardo Portela
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
As localidades de Pontevedra, Vigo e Cerdedo-Cotobade serán os escenarios elixidos para o ciclo de concertos que pechará os actos de homenaxe ao gaiteiro Ricardo Portela con motivo do 25 aniversario do seu falecemento.
A Deputación de Pontevedra acolleu este mércores a presentación destes actos nunha rolda de prensa na que participaron o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Carme Fouces, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o gaiteiro Óscar Ibáñez, que xunto ao seu grupo Tribo será quen dé estes concertos denominados "Aires de Pontevedra".
O primeiro dos concertos será o sábado 20 de xaneiro ás 21 horas no auditorio municipal de Vigo, o seguinte sábado 27 de xaneiro ás 21 horas será no Teatro Principal de Pontevedra e pecharase o ciclo o sábado 3 de febreiro ás 19 horas no Auditorio de Cerdedo-Cotobade.
Óscar Ibáñez explicou que ao longo do pasado ano, dentro dos actos enmarcados na homenaxe a Ricardo Portela, desenvolvéronse actividades máis centradas na faceta máis tradicional do "gaiteiro de Viascón" pero nesta ocasión búscase unha mostra da súa apertura musical ás novas formas de entender o folclore e a súa relación cos grupos folk do momento, como era o caso de Milladoiro.
"Deseñamos un espectáculo moderno, actual cun fin universalizador de difusión para toda a xente, non só para especialistas", sinalou Óscar Ibáñez.
No concerto "Aires de Pontevedra", ademais de Óscar Ibáñez e Tribo, actuarán unha serie de artistas convidados como Anxo Pintos, Begoña Riobó, Marcos Campos, Xosé Liz, Álvaro Novegil, Jose Luis Lema, Francisco Estévez "Chuco", Wenceslao Cabezas "Polo" o Encarna Villanueva.
Ademais "será moi lucido a nivel escénico" grazas á participación dos bailadores do grupo Fiadeiro, de Vigo; da Agrupación folclórica Celme, de Pontevedra e a Compañía de Danza Contemporánea Jesús Quiroga, de Ferrol, entre outros.
Finalmente, os representantes das diferentes institucións animaron a toda a cidadanía a gozar deste "macro espectáculo" que terá entrada gratuíta.
Relacionadas:
-
RADIO.- Alén do... Óscar Ibáñez
Por Marisa Ciordia |
-
O Principal énchese con "Aires de Pontevedra"
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Nova homenaxe a Ricardo Portela no Verán Cultural de Cotobade
Por Redacción |
-
O Memorial Ricardo Portela alcanza a súa maioría de idade
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
VÍDEO.- Maioría de idade en plena forma para o Memorial Ricardo Portela
Por Redacción |
-
Gaiteiro, gaiteiro, gaiteiro!
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Cerdedo-Cotobade e Pontevedra comparten a gaita de Ricardo Portela nos 25 anos do seu pasamento
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |