Récord de propostas para os premios Johán Carballeira de Bueu
Por Redacción
Setenta e catro orixinais para a categoría de poesía e trece para a de xornalismo. Son os datos récord de participación que se rexistrou este ano nos premios Johán Carballeira, que concede o Concello de Bueu.
Os poemarios optarán a facerse con 1.500 euros e máis a edición do libro por parte da Editorial Xerais. Na categoría de xornalismo, que cumpre este ano a súa décimo quinta edición, o gañador recibirá tamén 1.500 euros.
O seguinte paso será a avaliación dos traballos por parte dos xurados correspondentes, cuxa decisión se comunicará na semana anterior á celebración das Letras Galegas.
Estes premios naceron como unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, Juan Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira.
O premio tivo como gañadoras na pasada edición a María Reimóndez co poemario "Galicia en bus", e na categoría de xornalismo, o galardón recaeu en dúas mulleres: María Obelleiro, pola reportaxe "O apartheid sanitario na Galiza" e Montse Dopico polo traballo "Galaxia vs Galaxia. A construción da hexemonía cultural".
O certame, que xa conta con moita historia, ten galardoado na categoría de xornalismo a figuras como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás ou Antón Lopo, entre outros.
Na categoría de poesía, foron premiados poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos ou Pura Tejelo.
Relacionadas:
-
Abre o prazo para presentarse aos premios de xornalismo e poesía Johán Carballeira
Por Redacción |
-
Moncho Iglesias e Daniel Asorey, gañadores dos premios Johán Carballeira
Por Redacción |
-
Bueu entrega os premios Johán Carballeira de poesía e xornalismo
Por Redacción |
-
Montse Dopico e María Obelleiro, gañadoras do premio Johán Carballeira de xornalismo
Por Redacción |