Marcel Gross e Claire Ducreux caen de Domingos do Principal por motivos de saúde
Por Redacción
O clown Marcel Gross non poderá inaugurar o ciclo de Domingos do Principal. Problemas de saúde impedirán que poida representar en Pontevedra o seu espectáculo Universario, previsto para este 21 de xaneiro. Será substituído por outro espectáculo de circo e humor xestual: Sin remite de Jean Philippe Kikolas.
Poderase ver no Teatro Principal ás 12.00 e ás 18.30 horas.
Un personaxe sen palabras, que esperta un aire de nostalxia. Un xogo coa escena, os obxectos e o público. Con esta premisa de xogo se presenta Sin remite, que a través de técnicas como o teatro xestual, comedia slapstick ou diferentes gags visuais, introducirá ao público no seu particular mundo e achegaralles a un oficio que cada vez nos parece máis distante.
O seu protagonista utiliza variadas técnicas de circo, escaleira libre, manipulación de obxectos, malabares de rebote e un sinfín de solucións para os conflitos que se presentan, que lle levarán incluso a introducirse dentro dun globo xigante.
A francesa Refugie Poetique de Claire Ducreux, programada tamén en dobre pase ás 12 e 18:30 horas o 4 de febreiro no Principal cae tamén do programa por causas médicas da bailarina principal.
No seu lugar ofrecerase Amigoo de Mummusic Circus, que mostra un fragmento nas vidas dun home e unha muller. Son anaquiños de intimidade nunha travesía xestual e musical cara ao máis profundo e sincero de cada un.
Xuntos tecen un mundo irreal de poesía e complicidade nun cego intento de romper co mito da soidade como condición humana neste mundo. Estalarán momentos de delirio de disparate entre bailes e acrobacias, desmantelando así o seu propio circo interior.
A organización ofrecerá a posibilidade de acudir aos novos eventos coas mesmas entradas (descargándoas de novo) ou devolverlles os cartos dos espectáculos cancelados. O prazo para solicitar a devolución remata o sábado 20 ás 12.00 horas.
Relacionadas:
-
Todos cantan e bailan con Rubicundo
Por Diego Torrado |
-
O conto Rubicundo, de María Canosa, cobra vida nos Domingos do Principal
Por Redacción |
-
O clown Jean Philippe Kikolas estrea con éxito o ciclo Domingos do Principal
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A Casa da Luz ofrece desde este luns 15 a venda de entradas para espectáculos do Pazo da Cultura e do Teatro Principal
Por Redacción |
-
Este Nadal, agasalla 'Domingos do Principal'
Por Redacción |