Cinco estudantes de Belas Artes, tras unha lente na Casa das Campás
Por Redacción
A través da lente. É o nome da mostra que, ata o próximo mércores 17 de xaneiro, se pode visitar na Casa das Campás de Pontevedra. Os seus protagonistas son cinco estudantes de Belas Artes unidos polo uso da cámara de fotos como forma de expresión.
A exposición está comisariada por dous estudantes da facultade, Paula García e David Abalo, e recolle máis de vinte fotografías que tratan estilos e temáticas diferentes.
Co propósito de adaptarse ás características da sala de exposicións da Casa das Campás, García e Abalo realizaron unha selección de obras na que non hai series completas, senón unha escolma de intereses e liñas de traballo.
Así, A través da lente permite coñecer varias mostras do traballo de experimentación que Óliver Alonso desenvolve empregando o corpo como punto de partida, ao tempo que tamén reúne unha mostra das imaxes de espazos, tomadas en branco e negro por Pilar Picas.
Nesta exposición amósanse tamén varias das creacións coas que, no marco da súa serie Paranoia, a alumna Loreto Arnauz aborda ideas como o erro, o desorde ou o caos, principalmente a través do autorretrato.
A exposición complétase coa obra Devagarinho, na que Cristina Garre busca transmitir a calma que posúen os caracois ao pintar coa súa propia saliva siluetas abstractas nun cristal abafado, xunto cunha fotografía que dá conta do interese de Iago Fontoira polos volumes e a escultura.