VIDEO.- O concerto de Aninovo, unha extraordinaria benvida musical a 2018
Por Redacción & Diego Torrado
Recibir o ano novo con música é xa toda unha tradición en Pontevedra. Por sexto ano consecutivo, Viena estivo máis preto que nunca da Boa Vila coa celebración do Concerto de Aninovo no Pazo da Cultura.
Tras esgotar as entradas, centos de pontevedreses gozaron da actuación que protagonizou a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra que, sobre o escenario, estivo acompañada polo Coro Gli Appassionati e o BalletNorte.
Óperas como Aida ou Carmen, coa voz da mezzosoprano Nuria Lorenzo, e polkas ou valses tradicionais compostos por Strauss soaron nun concerto que fixo as delicias do público.
Un centenar de músicos participaron neste concerto, que estivo dirixido por Diego Conde, ex integrante da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra.
E todo para un concerto que nunca falla e que incluíu, como non podía ser doutra maneira, a tradicional Marcha Radetzky, acompañada polos aplausos do patio de butacas.