Luis Piedrahita, 'o rei das cousas pequenas', presentará en xuño o seu novo espectáculo en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Pontevedra segue atraendo aos mellores cómicos españois. Esta vez é a quenda do galego Luís Piedrahita, que saltou á fama grazas ao programa El club de la comedia. O Centro Social Novacaixagalicia é o escenario elixido para representar o seu novo espectáculo de humor. Trátase de El castellano es un idioma loable, lo hable quien lo hable, unha sucesión de monólogos que poderemos ver o vindeiro venres 14 de xuño a partir das 21.00 horas
El castellano es un idioma loable, lo hable quien lo hable é un espectáculo de monólogos escrito e interpretado por Luís Piedrahita (A Coruña, 1977). Neste espectáculo o rei das cousas pequenas xoga coas palabras, coas súas e coas do público, improvisando coas súas suxestións e deixándolles participar.
Este mago das palabras volve subirse aos escenarios para levarnos a ese mundo seu tan peculiar e divertido. Unha recopilación dos seus textos máis recentes, destinada a divertir e emocionar e coa que non perde o seu aceno de identidade: un humor do cotián, humor branco, en ocasións surrealista e sempre familiar.
Coñecido como "o rei das cousas pequenas", Luís Piedrahita gañou o I certamen de monólogos de El club de la comedia, tras o cal comezou a traballar como guionista e participante fixo no mesmo. Ademais, traballou como guionista para o duo Cruz y Raya. Tamén foi director, guionista e colaborador do programa de maxia Nada por aquí e actualmente é colaborador e guionista do programa El hormiguero de Antena 3.
Piedrahita é autor de catro libros de monólogos: Un cacahuete flotando en un piscina ¿sigue siendo un fruto seco?, ¿Cada cuánto hay que echar a lavar un pijama?, Dios hizo el mundo en siete días y se nota y ¿Por qué los mayores construyen los columpios siempre encima de un charco? Ademais, escribiu un libro de literatura infantil titulado Diario de una pulga.
Tamén colaborou como guionista nas obras de teatro: 5hombres.com, 5mujeres.com y Entre fuerte y flojo. Para a radio traballou no programa matutino No somos nadie, de M80 Radio e no programa No es un verano cualquiera, de RNE. E en cine escribiu e dirixiu, xunto con Rodrigo Sopeña, a longametraxe La habitación de Fermat, estreada en máis de cincuenta países. Ademais colaborou no guión de Cosas que hacen que la vida valga la pena, dirixida por Manuel Gómez Pereira.
As entradas para asistir ao seu espectáculo en Pontevedra, que teñen un prezo de 17 euros, pódense adquirir xa en www.servinova.com.