A Casa das Campás ábrese á pintura e á arquitectura de Belas Artes
Por Redacción
Laura Antelo, alumna de Belas Artes, acomete un proxecto no que convida a compañeiros da facultade para achegar obras nas que se poida reinterpretar desde unha perspectiva artística diferentes espazos arquitectónicos da universidade.
A exposición pódese visitar ao longo desta semana na Casa das Campás, un edificio no que este venres ás 12.00 horas celebrarase un coloquio sobre pintura rápida, promovido polos estudantes Verónica Quinteiro, Miguel Pérez e Andrés Seoane.
Este acto contará coa participación dos artistas Eduardo Baamonde e Raúl Gil Burés. O encontro tamén o promoven estudantes da facultade dentro da disciplina Xestión, Ámbito artístico e Mundo Cultural, que imparte o profesor Xosé Manuel Buxán, segundo recolle o Diario da Universidade de Vigo ( DUVI).
TAMÉN EN MARÍN
Outra proposta trasládase ao Museo Manuel Torres de Marín. Alí, tres estudantes de Belas Artes ofrecen baixo o título de 'Parhelio', unha exposición con ilustracións de Fernando Sanmartín, fotografías de Lucía Verdugo e de Aida López, que tamén mostra gravados.
A mostra poderá visitarse ata o 6 de xaneiro cun total de 24 traballos.