Os Chichisos volverán entoar o Canto de Reis este Nadal
Por Redacción
Hai moitos anos, era habitual que un grupo de mozos percorresen as parroquias galegas cantando polas casas. Tratábase de interpretar pezas da literatura popular e transmitidas oralmente. A cambio, os participantes solicitaban un aguinaldo en especie, que ía desde lambetadas a chourizos, touciño, produtos doces ou viño. Ese botín era despois consumido nunha " foliada".
No Nadal cantábanse "panxoliñas" ou "nadais", con "xaneiras", "manueis" e "aninovos"; con motivo de Fin de Ano e na véspera da chegada dos Magos de Oriente interpretábanse "Cantares de Reis" ou aguinaldos.
No caso dos cantos de Reis, a temática viraba ao redor da adoración de Melchor, Gaspar e Baltasar a Cristo. Pero tamén se trataba a fuxida da Sagrada Familia a Exipto, a viaxe de Nazaret a Belén de José e María e a procura do portal para o parto.
Estes cantos elaborábanse con melodías longas e lentas, cantadas case sen respirar, con múltiples adornos propiciados pola gaita. Moitos deles eran creados en castelán ou en castrapo, debido á orixe argumental baseada en textos bíblicos que se atopaban normalmente en castelán. A orixe desta tradición dátase ao redor do ano 1920.
A agrupación Os Chichisos seguirá este nadal ofrecendo un programa con varias actuacións de Cantos de Reis ás que convidan a participar aos nenos que queiran coñecer esta proposta que forma parte do patrimonio cultural de Galicia.
Os días de ensaio son o 27, 28 e 29 de decembro e o 2 e 3 de xaneiro na Casa do Pobo de Bértola, en Vilaboa ás 20.00 horas. As actuacións chegarán o 4 de xaneiro, de 18.00 a 20.00 horas polas prazas e rúas de Pontevedra. A banda utiliza instrumentos como o acordeón, a gaita, frautas, guitarras, bombo, ou tamboriis, acompañada polo coro de escolares.