Se rematas farto do cuñado en Aninovo... vai ao Pazo a relaxarte coa Orquestra Filharmónica
Por Redacción
Cansos de aturar tanta celebración de Nadal? fartos dos chistes do cuñado? Se iso sucede o 1 de xaneiro, hai unha boa desculpa para deixar a mesa familiar e marchar da casa: acudir ao Concerto de Aninovo previsto para o primeiro día de 2018 no Pazo da Cultura, a partir das 19.30 horas. Será unha boa forma de comezar o ano. Así o presentaba este luns a concelleira de Cultura en Pontevedra, Carmen Fouces.
Nesta sexta edición, a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra (OFCP) estará acompañada polo Coro Gli Appassionati e o BalletNorte. Máis de 100 músicos van subirse ao escenario do Pazo da Cultura dirixidos por Diego Conde, que foi integrante da OFCP.
Este luns presentábase o concerto no concello pontevedrés coa presenza da presidenta da orquestra, Judith Rey e o tesoureiro Ignacio García. Ámbolos destacaron que será un concerto formado por obras sinxelas e dividido en dúas partes. Na primeira a mezzosoprano Nuria Lorenzo ofrecerá arias de óperas moi coñecidas e na segunda parte o programa vai centrarse en vals, polcas e numerosas sorpresas.
As entradas xa se atopan á venda a través do web e do Facebook do Pazo da Cultura con prezos que van dos 10 aos 15 euros, con descontos para estudantes, desempregados e xubilados.
Nuria Lorenzo destacou que esta proposta permite gozar a toda a familia con pezas de Strauss, Verdi, Rossini ou Brahms.
Días antes, o 20 de decembro, o Teatro Principal acollerá a partir das 20.30 horas, a presentación das orquestras infantil e xuvenil da Filharmónica Cidade de Pontevedra.