Tres espectáculos de Ponteatro esgotaron todas as entradas á venda
Por Redacción
O Pazo da Cultura fai un balance moi positivo do ciclo Ponteatro. A súa edición de 2017 pechou este xoves tras dez funcións. De todas elas, seis abertas ao público, dous para escolares e dous venres golfos, tres esgotaron todas as entradas que se puxeran á venda.
O ciclo, consolidado na cidade, incrementou a súa porcentaxe de asistencia e acadou un 60% de entradas vendidas por función, cun aforo medio por espectáculo de 260 persoas.
A historia das dúas Marías de Santiago de Compostela, Voaxa e Carmín de ButacaZero foi a encargada de abrir o ciclo o 5 de outubro, deixando ao público marabillado e o patio de butacas completo.
A cabeza do dragón de Producións Teatrais Excéntricas, o 26 de outubro, foi a seguinte en esgotar as entradas, neste caso no seu pase matinal concertado con escolares. Un espectáculo de gran formato que deixou ao publico boquiaberto e o patio de butacas en pé.
O terceiro espectáculo, Elisa e Marcela das rapazas de A Panadaría o 9 de novembro, completou tamén o aforo e foi a obra máis aplaudida do ciclo.
A noiva de Don Quixote de Eme2 tivo lugar o 16 de novembro e o seu pase matinal concertado con escolares viuse afectado pola folga, que fixo descender a asistencia prevista. Chegaba o 7 de decembro Resaca de Ilmaquinario Teatro e A canción do elefante, este xoves, puxo fin a este ciclo teatral.
Polo que respecta aos Venres Golfos, Xurxo Cortázar presentou Desconexión, un traballo que ensaiou durante meses no Pazo da Cultura e que fixo rir ao público asistente. Pola súa parte, Voadora e o seu Calypso fixo reflexionar aos asistentes sobre o feito de que todo -e todos- é susceptible de ser copiado e substituído.