José Benito García presenta 'Donde la salmuera', un libro sobre o barrio da Moureira
Por Redacción
'Donde la salmuera (La Moureira y sus gentes)' é o novo traballo do escritor pontevedrés José Benito García, colaborador de PontevedraViva e autor de 'Habladme piedras'.
A súa nova obra será presentada o venres 15 de decembro ás 20.30 horas no Salón Boiserie do espazo multidisciplinar creativo Nemonon, que se atopa situado no primeiro andar do edificio de Villa Pilar, na rúa Riestra número 11.
'Donde la salmuera (La Moureira y sus gentes)' pódese definir como unha continuación do seu primeiro traballo e así se manifesta na estrutura. José Benito García percorre todo o barrio da Moureira e explica aos lectores cada escenario de interese que se atopa ou que, anos atrás, atopábase neste espazo tan emblemático da cidade.
O trazo máis característico desta obra céntrase nas conversacións que o autor mantivo con persoas de avanzada idade e que lle proporcionarion historias e recordos desta contorna.
Nas páxinas deste novo libro relátase a historia do Arrabalde, desde os seus inicios como un asentamento ata o seu desenvolvemento como impulsor económico da cidade e, co paso dos anos, o seu declive e esquecemento. Pero sobre todo, destacan as historias, os recordos, anécdotas, lendas dos veciños da Moureira, con vivencias que non se contaron ata agora.
José Benito García quere render con este traballo literario unha homenaxe a un dos barrios con máis encanto na historia da cidade.