Preséntase en Pontevedra a ONG Creart, que educa á infancia a través da arte
Por Redacción
A ONG Creart, que traballa para mellorar a calidade da educación da infancia e as súas condicións de vida a través da arte, preséntase en Pontevedra este sábado 20 de abril, coa celebración da xornada A educación a través da arte, que se inicia no Sexto Edificio do Museo ás dez da mañá e que contempla a realización de diversas actividades.
Na sesión matinal, entre as dez e media e a unha e media, realizarase un taller de portas abertas de creación artística en educación de valores para nenos e nenas en idades comprendidas entre os cinco e os doce anos, sobre Educación a través da Arte.
Na de tarde, entre as cinco e as seis e media, terá lugar o taller para formadores de Educación para a Paz a través da Arte, no que se mostra dun modo vivencial a metodoloxía socio-afectiva que utiliza Creart nos seus talleres de formación de formadores, orientado a profesionais e estudantes do sector da educación, artistas, estudantes de Belas Artes e outros profesionais do sector.
Ás sete celebrarase a charla na que será presentada formalmente a ONG Creart, explicando os seus proxectos e metodoloxía de traballo. Mediante unha exposición digital mostraranse as actividades levadas a cabo por Creart en diferentes países e culturas, coa proxección en bucle de tres pequenos documentais.
Trátase de Sus otras voces, de 15 minutos de duración, que conta a realidade dos nenos e nenas na Franxa de Gaza, Territorios Ocupados Palestinos, tras un bombardeo, e como a arte e a creatividade axúdalles desde o apoio psicosocial; Proyectos Creart, de cinco minutos, unha revisión fotográfica dos distintos talleres realizados pola organización en diferentes partes do mundo, e Babaganush, de catro minutos, que narra a preparación, montaxe e inauguración da exposición final dun proxecto de formación de formadores a través da arte na Franxa de Gaza.
Nun stand pódese obter diversa información sobre a ONG Creart: principais proxectos e actividades desenvolvidas e proxectos actuais; presentación da colección Qontextos, da editorial galega OQO Editora, que cede a Creart, en apoio aos seus proxectos, parte dos dereitos dos seus álbumes ilustrados, información sobre o proxecto de reconstrución parcial da escola da aldea de pescadores de Mboro sur Mer, en Senegal, e colaboración en dito proxecto, a través da construción simbólica do centro educativo con pezas lego.