Arousán por parte de Gonzalo e Pilar, os seus pais, a infancia, adolescencia e boa parte da mocidade estivo e segue estando en Vilagarcía. O mellor recordo de Gonzalo Arca na EGB foi o día en que don Ramón chamounos a el e ao seu primo Miguel para "vendimar unhas uvas e logo levalas a clase". Presentouse a selectividade estudando unicamente "os sectores punteiros da revolución industrial" e tocáronlle no exame.
Se aquilo foi unha carambola do destino, a maior ata a data está na música. Hai ano e medio, metade despiste metade afección dalgún amigo do alleo, confesa, quedou sen guitarra tras actuar en Tui. Hai uns días recibiu a chamada dun amigo: "atopeina". O amigo do alleo saldou unha débeda coa venda do instrumento en cuestión, o comprador vendeu a guitarra e este segundo comprador ensinoulla ao amigo de Arca, quen recoñeceu o que tiña diante... "esa guitarra sabe volver a casa".
Con 17 anos entrou a formar parte da banda Vado Permanente, coa que a punto estiveron de asinar cunha multinacional. Seguiulle The Preachers e logo Sugar Mountain. Gonzalo Arca decide quedar "Alone at the crossroad" e este primeiro CD sae ao mercado en 2014. Foi con motivo da gravación dun vídeo para ese traballo, cando viviu outra carambola do destino. "Estaba nunha boleira de Brooklyn e atópome diante de Chris Robinson, o cantante dos Black Crowes!...regaleille o meu disco e leveime o seu set list".
Espera "sacar algo novo" antes de que termine este ano. O que tamén lle sacamos nesta Playlist de PontevedraViva Radio é unha interpretación do "The man in me" de Bob Dylan.