"Arredor do folc", cursos de iniciación na música tradicional na Casa da Cultura de Marcón
Por Redacción
"Achegar á xente a nosa linguaxe, a nosa afición, dunha forma natural e actual". Así describe Miguel Fraguas, un dos seus coordinadores, o obxectivo do programa cultural Arredor do folc. Trátase de seis cursos e obradoiros, que se celebrarán nos meses de abril, maio, xuño e xullo, e cos que pretenden achegar aos veciños da parroquia de Marcón ao folc "dunha forma amena", coñecendo varios instrumentos e incluso iniciándose no baile tradicional.
Son, en resumen, "unha serie de obradoiros no que vamos a traballar desde o primario de cada instrumento", explica Miguel Fraguas, membro da Orquestra Son de Seu. "A gaita, a voz, a percusión (), desde un repertorio básico ata recursos de como desenvolverse e poder aproveitar cada un dos instrumentos nos que centraremos os cursos".
Todos os cursos celebraranse na Casa da Cultura de Marcón, "un espazo fantástico e onde hai moita afección", apuntan os seus organizadores, ao recordar que esta parroquia "é terra de músicos". Están abertos a calquera interesado e abarcarán a todos os niveis "desde iniciación, xente a partir de 16 anos, ata perfeccionamento". A intención é que chegue a todos os públicos para promocionar e divulgar a oferta cultural e artística galega.
Serán cursos de zanfona (16, 26 e 30 de abril), de gaita toque pechado (19 e 26 de abril e 14 e 21 de maio), de bouzuki e cordas (28 de maio e 4 e 11 de xuño), de técnica vocal (25 de xuño e 2, 9 e 16 de xullo), de baile tradicional (28 de xuño e 5, 12 e 19 de xullo) e de percusión peninsular (7 de maio e 18 de xuño). Todos eles teñen un prezo de 20 euros e celebraranse entre as 20.30 e as 22.30 horas.
Esta iniciativa conta co apoio do Concello de Pontevedra. O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, recordou que para o goberno local este é o mandato do rural "e iso non só significa tapar buratos". Apostan tamén pola dinamización cultural das parroquias, xa que "utilizando o noso e poñendo en valor o que é propio é posible facer unhas festas fenomenais e aprender e conseguir que isto non se perda".
Para máis información destes cursos, os seus organizadores remiten aos enderezos electrónicos polavila.ac@facebook.com e anamoledocorrea@hotmail.com.