Amencer estrea "Mesa para catro", unha 'curtametraxe' dunha hora e vinte minutos sobre discapacidade
Por Oskar Viéitez
O Café Moderno acolleu a estrea cinematográfica a nivel mundial de Mesa para catro, dirixida por Sergio González.
Sergio, afectado de parálise cerebral, é un dos usuarios do centro de día que a Asociación Amencer-Aspace xestiona en Campolongo. A súa intención foi facer unha curtametraxe documental que contase como as barreiras, algunhas arquitectónicas outras non, impiden ás persoas con discapacidade facer unha serie de cousas da vida cotiá.
Por exemplo, para unha persoa con discapacidade, tarefas habituais como vestirse, cociñar ou facer a compra, conlevan máis esforzo, máis dificultades e por riba de todo, máis tempo que para o resto. Por iso é polo que a película, cun argumento pensado para unha curta de menos de 15 minutos, dure máis dunha hora. Por suposto que durante a edición poderíase ter recortado todo ese tempo pero o director xunto a súa equipa decidiu manter ese contido polo valor da mensaxe que traslada.
No desenvolvemento da idea de Sergio colaboraron os seus compañeiros do Centro de Día Amencer-Pontevedra. Xan Torres e Cris Lores, encargáronse de rodar e montar a película, Susana Clemente, do deseño dos carteis, e Juan Pablo Charlo, compuxo a banda sonora. E como actores protagonistas están Xullo, Mayka, Rosa Meis, xunto ao resto de usuarios do Centro.
A todos eles agradeceu Sergio o seu implicación neste proxecto tan desexado, "o cine, foi desde a súa entrada na miña vida, un sopro de aire fresco, unha fuxida da realidade cotiá, un xeito de vivir vidas alleas e esquecerme das limitacións que a natureza impúxome", e é que este mozo director confesa que "a miña alma aliméntase de cine".