Poesía pontevedresa para celebrar o Día das Librerías
Por Anxo Lourido
A necesidade de ler poesía nestes tempos quedou patente nas dúas presentacións que na noite deste xoves, véspera do Día das Librerias, sucedéronse en Pontevedra en Cronopios e Paz. Os autores pontevedreses Alexander Vórtice e Manuel Pérez Lourido, ambos os colaboradores de PontevedraViva, falaron dos seus últimos traballos literarios.
Alexander Vórtice presentaba o seu libro de poesía en lingua castelá 'Vegetaciones carnívoras'. Trátase da súa sétima publicación e nestes poemas recolle situacións contrapostas que se exteriorizan a diario na sociedade contemporánea. Numeroso público, coa presenza de escritoras como Milagros Bará ou Marisa Lozano Fuego, achegouse a esta presentación na que o autor estivo acompañado pola blogueira Silvia R. Coladas e pola editora bilbaína María José Mielgo.
A poucos metros, outro escritor pontevedrés, Manuel Pérez Lourido presentaba o seu traballo 'Después daré un grito', outro poemario onde Pontevedra está presente. A esta presentación asistía o escritor Rodrigo Cota e o autor estaba acompañado polo editor de Edicións Discursivas, Enrique Sánchez Sotelo, e polo cineasta Mario Iglesias, que realizou as ilustracións deste libro no que se reflicte a choiva e a pedra da cidade recreando momentos recentes da súa historia como o incendio do edificio dos soportais da Ferrería en febreiro de 2016.
Pérez Lourido sinalou que, entre as súas influencias, seguen presentes autores como Blas de Otero ou Luis Rosales, que lle marcaron na súa adolescencia.