Elisa e Marcela, a historia das primeiras mulleres que casaron en España, no ciclo Ponteatro
Por Alejandro Espiño
Dúas mulleres Elisa e Marcela, casaron pola igrexa o 8 de xuño de 1901. Foron unhas pioneiras nas unións de persoas do mesmo sexo. Agora, máis dun século despois, a súa historia chega ao teatro. Faino da man dunha obra que leva os seus nomes, coproducida por A Panadaría e o Centro Dramático Galego.
En Pontevedra poderase ver dentro do ciclo Ponteatro este xoves 9 de novembro, a partir das nove da noite, no Teatro Principal.
As entradas están á venda en Ataquilla.com a un prezo de 8 euros, bonificado a catro para estudantes parados e xubilados. En caso de non esgotarse, poderanse comprar desde dúas horas antes no despacho de billetes do Principal.
Elisa e Marcela é unha obra que conta a historia de amor destas dúas mulleres, que casaron na igrexa de San Xurxo, na Coruña. Para conseguir enganar ao cura e facer oficial o seu amor, Elisa transformouse en Mario.
A voda e os posteriores sucesos que envolven a súa historia convertéronas no primeiro matrimonio homosexual do que hai constancia en España e, ao mesmo tempo, en dúas das mulleres máis transgresoras da historia de Galicia.
Elisa e Marcela son un símbolo do desafío ás regras do binomio de xénero e da defensa dos dereitos das parellas lésbicas.
A obra está dirixida por Gena Baamonde e protagonizada polas actrices Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman.
Relacionadas:
-
A historia do primeiro matrimonio lésbico en Galicia pon en pé ao público do Principal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Valle-Inclán tamén ten o seu sitio en Ponteatro
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
As Marías compostelás conquistan o Teatro Principal de Pontevedra
Por Diego Torrado |
-
Oito obras compoñen unha nova edición de Ponteatro
Por Diego Espiño |