As xornadas Cuspedriños10 acollen unha mostra do Museo do Pobo, a charla sobre Antón Fraguas e o Roteiro do Foxo do Lobo
Por Redacción
As II Xornadas Turísticas, Históricas e Culturais "Cuspedriños10" acollen esta semana o groso das súas actividades cunha exposición itinerante sobre o 40 aniversario do Museo do Pobo Galego, unha charla sobre a figura do escritor, historiador e etnógrafo Antón Fraguas e o Roteiro do Foxo do Lobo de Arufe (Loureiro).
Esta xeira de eventos arrancará este xoves, 9 de novembro, coa apertura dunha mostra por mor do 40 aniversario do Museo do Pobo Galego, que permanecerá instalada no salón de actividades da casa consistorial de Carballedo ata o martes 14.
Xa o venres haberá unha charla-coloquio sobre a figura do insigne cotobadés Antón Fraguas a cargo do seu biógrafo, Clodio González Pérez, xa que o Concello cre que a figura de Fraguas debe recibir un maior recoñecemento e posta en valor pola súa importancia na cultura galega. Esta actividade desenvolverase desde as 11.00 horas no IES de Cotobade.
Finalmente, o domingo, 12 de novembro, celebrarase o Roteiro do Foxo do Lobo, entre Carballedo e Arufe, tras o éxito de participación obtido na súa celebración nas I Xornadas "Cuspedriños10" e a alta demanda e interese existentes sobre este percorrido e os seus misterios. A andaina, de execución sinxela, partirá ás 10.30 horas da Praza do Concello de Carballedo e contará coas explicacións dos profesores Xosé Manuel González Reboredo e Fuco Sanjiao. A actividade é gratuíta e non precisa de inscrición previa.
Esta iniciativa, xurdida en 2016 co obxectivo de complementar á Feira de Cuspedriños máis aló dos aspectos lúdicos e de estender o seu obxectivo de honrar ao pasado e á historia de Cotobade durante distintas épocas do ano, xa arrancou o pasado mes de outubro cunha recollida tradicional de castañas e un magosto familiar no antigo mercado de Cuspedriños e co Roteiro de San Xusto, cun percorrido guiado entre a mítica carballeira e a Ponte Nova.