Un libro para recuperar a memoria dunha muller silenciada e adiantada ao seu tempo, María Vinyals
Por Redacción
"Este é un libro para recuperar a memoria dunha muller silenciada e adiantada ao seu tempo". Así resumía este xoves a investigadora, profesora e ensaísta Aurora Marco a nova publicación presentada no Sexto Edificio do Museo Provincial de Pontevedra, a primeira biografía sobre a escritora e precursora do feminismo María Vinyals.
A presentación contou coa participación da presidenta de Deputación, Carmela Silva; o director do Museo, Carlos Valle; o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal; e Ángela Comesaña e Aurora Marco, comisarias da mostra 'De María Vinyals a María Lluria. Escritora, feminista e activista social', que que pode visitarse no Sexto Edificio ata o 12 de novembro e responsables do traballo de investigación que deu lugar a este libro.
Nesta nova publicación, Ángela Comesaña e Aurora Marco fan un percorrido pola vida da aristócrata pontevedresa, desde o seu nacemento o 14 de agosto de 1875 no castelo de Soutomaior ata os últimos días dos que se ten noticia da súa existencia, que as autoras sitúan en 1942. Dedican ademais un epígrafe á súa obra tanto literaria como xornalística e un apartado exclusivamente á súa acción como precursora do feminismo.
As comisarias e investigadoras tamén ilustran o seu activismo feminista con extractos de diversas intervencións públicas datadas entre os anos 1905 e 1929 e cos seus traballos en prensa escrita nos que reivindicaba o dereito a voto das mulleres. "Ela foi feminista e sufraxista, cando estes dous lemas supuñan unha grande dose de heroísmo naquel período inicial de reivindicacións de comezos do século XX", aseguran.
A presidenta provincial destacou que "poñer en valor a figura de María Vinyals é imprescindible" mentres Xosé Leal insistía en que "por desgraza as mulleres no mundo da arte non teñen toda a visibilidade que merecen".
Relacionadas:
-
RADIO.- O Cara a cara pon un nome e apelido ao Día Mundial do Teatro
Por Marisa Ciordia |
-
A Deputación de Pontevedra traballa na recuperación dunha pantasma
Por Redacción |
-
O Museo acolle unha exposición dedicada á precursora do feminismo María Vinyals
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O persoal docente xa pode matricularse no curso de igualdade da Escola María Vinyals
Por Redacción |
-
Abre as súas portas a Escola de Igualdade María Vinyals
Por Redacción |
-
"A marquesa Vermella" dará nome á Escola de formación en igualdade para mulleres electas
Por Oskar Viéitez |