Os "cranios privilexiados" de Mofa e Befa combinan humor e filosofía
Por Redacción
O dúo teatral Mofa e Befa sairá a escena o vindeiro xoves 2 de novembro, a partir das 20.30 h, no Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra coa súa produción "Cranios privilexiados... ou crítica da razón perralleira".
Neste espectáculo, Mofa e Befa introdúcense no mundo da filosofía para reflexionar sobre as diferentes maneiras de pensar que existen.
Segundo a súa filosofía, existe a maneira correcta de pensar e despois, a maneira perralleira, que non por ser incorrecta é menos válida.
Por exemplo, segundo as reflexións do dúo, "pensamos correctamente cando deducimos que a Terra vira ao redor do sol, pero pensamos de forma perralleira cando culpamos de todo ao Goberno. E ese é o problema. A realidade non é fácil e necesita cranios privilexiados que saiban captar a esencia de cada cousa e explicala claramente". E eses cranios privilexiados son, precisamente, Mofa e Befa.