Curtas de cinco minutos para recoller a esencia do Museo de Pontevedra
Por Redacción
O programa 'Telecultura' da Deputación Provincial ponse en marcha co obxectivo de que o alumnado da provincia participe nun certame que buscará a posta en valor do patrimonio cultural exposto no Sexto Edificio do Museo, en Sarmiento e nas ruínas de San Domingos a través das miradas dos máis novos.
O programa contempla visitas guiadas e didácticas, ademais de talleres para que os escolares obteñan coñecementos cos que elaborar unha curtametraxe. Todas as películas que se presenten ao festival denominado 'O Museo de Pontevedra en curtametraxes' poderán obtar aos premios repartidos en catro categorías e que teñen un valor de 9.000 euros.
As curtas deberán estar realizadas e protagonizadas exclusivamente polos escolares e poderanse gravar con cámaras, videocámaras, tablets ou teléfonos móbiles. A data límite para presentalos finalizará o 22 de decembro e unha vez admitidas poderán ser visualizadas a través da web do Museo e no Facebook e na canle de Youtube da Deputación, a partir do 16 de febreiro do próximo ano.
O Museo de Pontevedra colaborará cos centros que impartan Educación Primaria, Secundaria, Bacharelato, graos medios ou Formación profesional básica cunha invitación a que realicen unha visita guiada escollendo os talleres de Prehistoria, Artes plásticas ou Actividade nas Ruínas.
Non será requisito para participar no festival realizar estas actividades, pero en caso de participar si será obrigatoria a presentación da curtametraxe.