Seiurte celebra o seu vixésimo aniversario con dobre concerto: A Illa de Arousa e Pontevedra
Por Redacción
O recoñecido grupo vasco Seiurte, en plena xira para celebrar os seus vinte anos de traxectoria musical, recala en Galicia para ofrecer ao público dous concertos que, segundo prometen, serán moi especiais. Será na Illa de Arousa e Pontevedra.
En concreto, actuarán este venres na Illa de Arousa (O Con do Moucho, 23.30 horas), e o sábado en Pontevedra (Sala Karma, 22.30 horas). Ambos son de entrada gratuíta.
Máis próximos musicalmente a Londres que a Bilbao, Seiurte practica unha sorte de pop-rock cheo de matices que adquire o seu maior esplendor cando é levado ao directo, espazo no que os de Berriz séntense máis cómodos e onde demostran esa soltura, contundencia e engrenaxe propios da banda adulta que son.
Ao longo destas dúas décadas o grupo formado polos irmáns Iokin, Ekain e Iñaki Elortza e o "adoptado" Julen Oarbeaskoa asinou dez discos. Algúns tan sobresalientes como Jauzia (2006), Lau (2009), Atlantida (2012) ou Ezpalak (2015), catalogados entre os mellores discos do ano en Euskadi pola crítica especializada.
Hai uns meses e a modo de celebración do 20 aniversario Seiurte gravou un tema en colaboración con Morgan, un dos grupos revelación da escena indie española, o que lles situou en primeira liña de actualidade xerando miles de visualizacións e escoitas en plataformas dixitais.