Viaxa virtualmente polas novas exposicións na Galería Gloria Helmound
Por Marta Cerviño
A Galería virtual Gloria Heldmound fai seis meses e neste período de tempo pasaron polo espazo máis dunha trintena de artistas. Este proxecto inaugurouse o pasado 22 de setembro de 2012 simultaneamente en diferentes cidades de Europa, entre as que se atopaban Xixón, Langreo, Pontevedra, Vigo, Belfast, Berlín e Zaragoza. Nestes lugares celebráronse festas de inauguración comunicadas por videoconferencia para festexar a apertura deste espazo expositivo unicamente virtual.
Ata o 21 de xuño atoparedes en cada unha das súas salas distintas exposicións.
Aquí déixovos un plano para non perderos pola galería.
Ides sentirvos como en casa!
E a continuación unha breve descripción do que os atoparedes:
Caos-Orde
Unha exposición temática e transdisciplinar na que se indaga arredor da teoría do caos.
Artistas: Ora Kolmanovsky, Véronique Hubert, Sergi Quiñonero, Jean-Michel Rolland, Beatriz Vaca, Tamara Norniella + AXIAL + Mind Revolution
Comisariado: Jaime Rodríguez
Texturas Sonoras
Texturas sonoras propón ao visitante un percorrido onde a vista e o oído nos farán tomar outra perspectiva de seis realidades diferentes. Empregando para este propósito o amplo espectro de frecuencias das que o son está composto e que o noso cerebro non é capaz de procesar.
Artista: Alberto Valverde
Comisariado: María Castellanos
Habitar Identidades
Habitar identidades é un proxecto aberto, en construción, en constante cambio para repensar o que significa. Aquí reúnense as obras de catro artistas que traballan dende posicións diferentes a idea da identidade: como habitamos unha identidade e esta habítanos a nós, acompáñanos e transfórmase a medida que evolucionamos e cambiamos.
Artistas: Rocío Pinín, Elisa Torreira, Florence Babín, Diego Rambova.
Comisariado: Semíramis González
Artistas nos espazos de tránsito
Helena Toraño amosa tres debuxos no Hall da galería.
Uh513 instalan a súa peza interactiva Clorofila 3.0 no almacén de Gloria Heldmound.
Teño o pracer de expoñer no corredoiro principal con varias fotografías da serie Conociendo a un extraño na que o propio e o alleo serven para descubrir a nosa propia consciencia.
E por último, o Muro é unha proposta para amosar iniciativas relacionadas co mundo da arte e a creatividade en formato cartel. Púxose en marcha coincidindo co terceiro trimestre expositivo da galería, que se iniciou o pasado 22 de marzo de 2013.
Os carteis están vencellados a unha dirección de internet e ofrecen a posibilidade de renovar a imaxe cada tres meses, coincidindo coas inauguracións da galería.
Se queres estar ao día de todas as súas novidades suscríbete ao seu newsletter.
O bo de Gloria Helmound é que podes visitala a calquera hora e sen moverte da túa casa.
Un bo plan para este tempo de café e manta.
Fotografías con copyright de la Galería Gloria Helmound