A Sociedad Filarmónica inicia o luns 23 unha temporada de dez concertos de alta calidade
Por Redacción
O vindeiro luns 23 de outubro, a Sociedad Filarmónica de Pontevedra abre a súa tempada 97 cun concerto a cargo dun novo dúo formado pola violonchelista Beatriz Blanco e o pianista Federico Bosco. Ambos gañaron en 2015 o Concurso Internacional de Música de Cámara de Verona.
En novembro continuará a actividade musical co concerto de Eduardo Fernández, pianista que recolle eloxios dos medios especializados. Obtivo o Premio 'Ojo Crítico' de Música Clásica de RNE. Ao longo de novembro, dentro dos dez recitais programados pola Sociedad Filarmónica de Pontevedra para esta temporada, está prevista a actuación do Trío Camilli, formado por violín, violoncelo e piano.
Xa en decembro, outro pianista cunha carreira consagrada, Josu de Solaun, ofrecerá outro interesante concerto.
Durante xaneiro de 2018, o Teatro Principal acollerá un concerto de música medieval e renacentista a cargo do grupo Aquel Trovar, coa soprano Delia Agúndez, que ofrecerán temas do seu último traballo discográfico, 'Canciones de la vieja Europa'.
A Sociedade Filarmónica de Pontevedra destaca o enorme esforzo que realizaron para que en febreiro do próximo ano actúe en Pontevedra, o cuarteto con piano The Brahms Project, un conxunto que inclúe a catro músicos moi relevantes da xeración actual: Josep Colomé, Joaquín Riquelme, David Apellániz, Enrique Bagaria. Esta agrupación está a lograr un importante éxito en toda Europa.
En marzo, o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a batuta de Joan Company, ofrecerá obras de polifonía a capella e unha versión para solistas, coro e órgano do Réquiem de Fauré.
Xa en abril programaranse dous concertos, un da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia e outro a cargo do Cuarteto Schubert coa colaboración do viola Luigi Mazzucato.
O peche de tempada chegará coa Camerata Arven, que oferecerá a versión de cámara que Erwin Stein fixo da Sinfonía número 4 de Mahler.
Todos os concertos serán no Teatro Principal de Pontevedra, agás o da Orquestra Nova da Orquestra Sinfónica de Galicia, que se celebrará no Auditorio Sede de Afundación na praza de San Xosé.