Volven as Cóxegas a Pontevedra con danza, teatro e circo para toda a familia
Por Redacción
O Festival das Cóxegas regresa, fiel á súa cita no outono pontevedrés, ao Pazo da Cultura. A terceira edición deste ciclo aposta nesta ocasión por catro espectáculos de danza, teatro e circo cos que se buscan achegar as artes escénicas aos máis pequenos da casa.
As representacións terán lugar os catro domingos do mes de novembro, ás 18.30 horas, e o programa, no que a danza ocupa un lugar destacado, estará composto por tres espectáculos de recoñecidas compañías procedentes do Estado e unha estrea dunha compañía local.
O ciclo comezará o 5 de novembro con Tragasueños de Teatre al Detall, un espectáculo que conta coa música en directo de La Tresca i La Verdesca.
Trátase de teatro de monicreques recomendado para nenos a partir dos cinco anos que narra unha historia onírica e máxica inspirada no conto de Michael Ende que fala do medo, do valor terapéutico dos contos e de como buscamos solucións moi lonxe cando a resposta adoita estar no noso interior.
O 12 de novembro será a quenda de Oopart. Historia de un contratiempo de Tresperté circo teatro. Nel, o público agardará expectante para ver a sorpresa que lles depara o dispositivo mecánico-temporal situado antes os seus ollos. Nada é o que parece nesta aventura a través do tempo, recomendada para un público maior de tres anos.
Home de area de Ballet Norte será a aposta local, o 19 de novembro. É un espectáculo de danza recomendado a partir dos tres anos, ambientado nunha aldea onde vive Clara, o seu mozo Nathanael e o fabricante de xoguetes Coppelius. Este último vive nunha casa misteriosa onde mantén as súas creacións: bonecas de tamaño humano descoñecidas para o resto da xente.
A última das Cóxegas será o 26 de novembro con Zaquizamí da compañía Roberto G. Alonso, unha montaxe de danza, para nenos a partir dos tres anos, onde os xoguetes abandonados nun faiado cobran vida, buscan novas oportunidades e fan dos seus defectos, virtudes. Un canto á diversidade, á solidariedade e ao espírito de superación.
As entradas para cada espectáculo poden adquirirse xa en Ataquilla.com a un prezo único de 6 euros e será preciso que cada espectador, independentemente da súa idade, conte cunha entrada para acceder ao auditorio.
A venda en billeteira, que só terá lugar no caso de non esgotarse as entradas na venda anticipada, comezará dúas horas antes do espectáculo.