O Festival do Norte queda en Vilagarcía e presenta cartel: Xoel López, Toy, Delorentos, We Are Standard... e moitos máis
Por Alejandro Espiño
Por fin aclárase o futuro do Festival do Norte. Quédase en Vilagarcía de Arousa. A duodécima edición dun dos eventos musicais máis importantes da escena española, celebrarase, como xa adiantou en xaneiro PontevedraViva, os días 17 e 18 de maio no Recinto Exterior de Fexdega. Faino despois de que os seus organizadores pechasen, tras meses de negociacións, un acordo co goberno municipal que fixese viable a súa continuidade.
Un Festival do Norte que ademais fixo público xa un avance do seu cartel. Xoel López, Toy, The Primitives, Dorian ou We Are Standard preséntanse como algúns dos grupos que encabezarán esta agardada edición. Nela, haberá un marcado acento galego xa que ademais do exlíder de Deluxe, gozaremos de bandas como Triángulo de Amor Bizarro, Aerolíneas Federales ou Novidades Carminha.
Este primeiro avance do festival complétase coa presenza dos irlandeses Delorentos, Sr.Chinarro, Guadalupe Prata, Estereotypo, Pedrito Diablo y los Cadaveras e os DJ Miqui Puig, Faber Estudio 3 e Nano Vinilo.
Nun par de semanas coñecerase o resto de grupos que completarán a oferta dun Festival do Norte que, segundo Toño Caneda, responsable de Producciones Independientes Culturales, a empresa que organiza o festival, "va en la misma línea de siempre, ya que tenemos un estilo y una imagen muy definida que no queremos perder". Agradece ademais a fidelidade dun público "que está reaccionando muy bien en estas primeras horas".
Asegura que están "ilusionados como si fuese el primer año", especialmente tralo "tira y afloja" que mantiveron co Concello de Vilagarcía. Nos próximos días detallarán os termos dun acordo que podería garantir a continuidade do Festival do Norte na capital arousana máis aló da edición deste ano. "Vamos a intentar cerrar un acuerdo por varios años, pero por el momento no puedo decir nada más", recoñece Toño Caneda.
Ademais de presentar este avance do cartel, o Festival do Norte puxo á venda as súas entradas. O prezo do abono para os dous días, que se así se desexa outorga dereito a acampada na zona habilitada, é de 30 euros se se adquire de forma anticipada e de 40 se se fai na billeteira. Pola súa banda, as entradas soltas para venres e sábado custarán 20 euros, 25 se se compran o mesmo día do festival.
Confírmase así a rebaixa anunciada no prezo das entradas. Custarán cinco euros menos que o ano pasado e ademais, a subida do IVE non se repercute nelas e será asumido pola organización do Festival do Norte.
Nos próximos días anunciarase tamén unha serie de actividades paralelas do festival, anunciadas polos seus organizadores o pasado 22 de marzo en PontevedraViva. Entre elas, destaca que o xoves 16 de maio invitarán a alumnos dos colexios de Vilagarcía a que lles acompañen no recinto de Fexdega para que coñezan de primeira man como se monta un festival destas características.
E o sábado 18 de maio pola mañá organizarase unha sesión vermú, amenizada con varios DJ e algún concerto en acústico. Con esta actividade de portas abertas, o Festival do Norte pretende animar a que "padres que tengan niños puedan venir al festival y compartir algo de música con nosotros". Será un evento que contará con degustacións gastronómicas a prezos populares.
Relacionadas:
-
24 grupos e 5 DJ's para un Festival do Norte que agarda atraer a máis de 17.000 persoas
Por Alejandro Espiño |
-
Visitas guiadas, sesión vermú ou concertos acústicos, actividades paralelas do Festival do Norte
Por Alejandro Espiño |
-
La Habitación Roja, Dover, Jane Joyd, Mvnich e Aurora completan o cartel do Festival do Norte
Por Alejandro Espiño |
-
Negociacións 'in extremis' a tres bandas para que o Festival do Norte se quede en Vilagarcía
Por Alejandro Espiño |
-
O Festival do Norte no aire: "Se en Vilagarcía non nos queren, buscaremos outras opcións"
Por Alejandro Espiño |
-
Buscan novas vías de financiamento para que o Festival do Norte continúe en Vilagarcía
Por Alejandro Espiño |