Pontevedra quere acoller en 2018 a exposición "máis importante" feita en España sobre Agnès Varda
Por Alejandro Espiño
Agnès Varda é unha das referencias da Nouvelle Vague francesa. A cineasta belga, pioneira do cine feminista, cumprirá dentro duns meses 90 anos e segue a traballar detrás da cámara. De feito, no recente festival de Cannes presentou a súa última película, Visages, villages, e recibirá en novembro o Óscar honorífico da Academia de Hollywood.
Esta faceta como cineasta, mais o seu traballo como fotógrafa, lévaa desempeñando desde mediados do século pasado. Desde hai menos tempo, o ano 2003, podemos gozar co seu talento para as artes plásticas. Estas tres vertentes xuntaranse nunha exposición que, se todo vai ben, estrearase no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Será a exposición "máis importante" que se teña celebrado nunca en España sobre Agnès Varda, segundo destacou este xoves Julia Fabry, quen desde hai máis de dez anos traballa como asistente e comisaria das exposicións de Varda por todo o mundo, as máis recentes en Nova York ou A Habana (Cuba).
Na mostra están a traballar a Vicerretoría do campus e o Concello de Pontevedra, coa colaboración tamén da Deputación. O responsable cultural do campus, Manuel Morquecho, explicou que a intención é apostar por un proxecto "o máis grande posible", que tería como eixo os traballos fotográficos e instalacións de Varda.
Esta mostra tería como complemento un ciclo de cine que percorrería a traxectoria dunha cineasta que debutou en 1954 con La Pointe courte e que nestes días atópase presentando nos Estados Unidos o seu último filme, Visages, Villages.
"Pola súa temática e polo papel preponderante que outorga a persoas e espazos, o seu cine encaixaría de marabilla nesta cidade", salientou Morquecho. A estas dúas propostas sumaríanse unha serie de conferencias e un taller para nenos centrado no seu filme Jacquot de nantes, baseado na traxectoria vital do que foi o seu marido, o cineasta Jacques Demy.
"Intentarei que veña a inaugurala", recoñeceu Julia Fabry, que cualificou como "moi interesante" este proxecto expositivo. Entende que o traballo da cineasta belga luciría nun Pazo da Cultura que, segundo explicou, sería "idóneo" para acoller a súa obra polo seu grande espazo e a luz natural que entra na sala de exposicións.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou a "transcendencia" que tería esta exposición ante a proxección que ten esta cineasta en todo o mundo, que vén de recibir o Premio Donostia na última edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián e recollerá en breve o Oscar honorífico da Academia de Hollywood pola súa carreira.
Con esta mostra, segundo Fernández Lores, Pontevedra entraría no circuíto cultural internacional, polo que mostrou todo o apoio do Concello a esta iniciativa que os organizadores, co visto bo de Agnès Varda, esperan pechar nos próximos meses.