O Ballet Folclórico Nacional de Cuba conmemora os seus 50 anos cunha xira que inclúe Vilagarcía e Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O Ballet Folclórico Nacional de Cuba, unha das formacións máis prestixiosas de música e danza de todo o mundo, incluiu Galicia na súa nova xira. Da man da obra social de Novacaixagalicia actuarán, entre outras cidades, o mércores 10 de abril no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa e o sábado 13 de abril no Centro social Novacaixagalicia de Pontevedra. As actuacións comenzarán ás 21.00 e 20.30 horas, respectivamente.
Porán en escena Okún o espectáculo creado especificamente para celebrar os seus 50 anos de vida. ÿ un espectáculo que recolle o mellor e máis representativo da labor coreográfica do Ballet Folclórico Nacional de Cuba. Dirixidos polo seu director e principal coreógrafo, Manolo Micler, bailaríns, deseñadores, coreógrafos, músicos da compañía e artistas invitados, vólcanse na celebración deste místico medio centenario de éxitos nacionais e internacionais.
Avalado pola crítica en Cuba, Okún expresa a raíz da música e a danza, a fusión do folclore con outros ritmos e danzas que evolucionaron dende as súas orixes africanas ata nosos días. Un espectáculo vibrante e rítmico, apaixonado e extraordinariamente visual con cambios de vestiario e escenarios que evocan tradicións populares con asombrosas pezas coreográficas sostidas polo virtuosismo dos seus bailaríns e coas que a compañía empéñase en amosar con toda a esixencia e rigor técnico as tradicións ancestrais da danza afrocubana.
Fundado a principios de 1962 polo folclorista cubano Rogelio Martínez Furé e o coreógrafo mexicano Rodolfo Reyes Cortés, o Conxunto Folclórico Nacional de Cuba, propúxose dende os seus inicios contribuír ao rescate e revitalización das tradicións danzarias e musicais da illa caribeña, debendo seleccionar aquelas de maior valor artístico para organizalas de acordo coas máis modernas esixencias teatrais, aínda sen traizoar a súa esencia popular.
Hoxe, despois de 45 anos da súa fundación, desenvolve un estilo de arte folclórico teatral de gran efectividade escénica e estética, que reflexa as diversas tradicións culturais cubanas, tanto de orixe europeo (hispánicas ou francesas), como de antecedentes africanos (yoruba, congo, carabalí, arará, etc...) ou as chegadas a Cuba doutras illas caribeñas. A súa misión non se limita á simple presentación de espectáculos; senón que realiza investigacións en todas as esquinas do país, revitalizando ou desenterrando xéneros antigos, unindo ao tradicional as novas tendencias creadas polo pobo, furgando no pasado e facendo unha sínteses do presente.
Máis de cen mil espectadores de todo o mundo avalan a mestría, a solidez e a impronta creativa do Ballet Folclórico Nacional de Cuba, catalogada como unha das mellores compañías de folclore de América Latina e do mundo. O seu alto nivel técnico e a busca nas fontes ancestrais da cultura cubana e latinoamericana quedan impresas na riqueza visual das súas producións.
As entradas para velos en Pontevedra e Vilagarcía custan 27 e 12 euros, respectivamente, e pódense mercar a través da web www.servinova.es e do teléfono 902 504 500. Tamén nas billeteiras do Auditorio e do Centro Social de Novacaixagalicia o mesmo día da función dende dúas horas antes do inicio do espectáculo.