A arte pode verse coas mans na mostra inaugurada en Caldas
Por Redacción
Este xoves inaugurábase no auditorio municipal de Caldas de Reis a exposición 'Proxecto táctil', unha mostra que busca a sensibilización para comprender como se poden achegar á arte as persoas con dificultades de visión.
Esta mostra da Deputación de Pontevedra foi inaugurada polo alcalde Juan Manuel Rey; o director do Centro de Recursos da ONCE de Pontevedra, José Ángel Abraldes; a decana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e comisaria da mostra, Silvia García e polo deputado de Cultura, Xosé Leal.
Durante a apertura, medio centenar de escolares do CEIP San Clemente puideron comprobar as obras.
A diferenza do que sucede nos museos, 'Proxecto táctil' sáltase a prohibición de tocar as obras artísticas e desta forma as persoas con problemas de visión poden tocar as obras e gozalas. Da mesma forma, o resto do público ten a posibilidade tamén de experimentar o mundo a través do tacto.
O deputado de Cultura, Xosé Leal, felicitou aos escolares do CEIP San Clemente ao comprobar que se trataba dun público moi activo e con curiosidade. Lembrou tamén que esta mostra nace a partir doutras accións anteriores entre a Deputación e o Centro de Recursos da ONCE.
A mostra está composta por traballos dunha decena de creadoras da Facultade de Belas Artes e da escola de moda Esdemga. Os asistentes utilizan antefaces para percibir as obras sen facer uso da vista. A exposición pode visitarse ata o 13 de outubro.