O Sexto Edificio acollerá a II Xornada de onomástica galega
Por Redacción
A onomástica persoal centrará este sábado, 30 de setembro, en Pontevedra a II Xornada de onomástica galega, baixo o título Os nomes e apelidos: aspectos legais sociais e lingüísticos.
A Real Academia Galega organiza o programa, coordinado polas académicas correspondentes Ana Boullón e Luz Méndez, coa colaboración do Museo de Pontevedra, que acollerá as sesións no Sexto Edificio. A entrada é libre.
Os procedementos para restituír os nomes e apelidos deturpados, a continuidade e variación na transmisión dalgúns apelidos galegos, os criterios para a restitución das formas normalizadas ou a normalización da antroponimia desde os centros educativos son algunhas das cuestións que abordarán as persoas convidadas das tres primeiras sesións, procedentes do mundo xudicial, a filoloxía, a normalización lingüística e o ensino.
Como na edición anterior, a RAG organiza a II Xornada de onomástica galega co apoio da Deputación de Pontevedra. Esta actividade enmárcase no convenio de colaboración entre ambas as institucións que inclúe outro tipo de proxectos centrados na investigación sobre a realidade lingüística da provincia.
Un deles é o que leva por título O galego segundo a mocidade quince anos despois. Unha achega ás actitudes implícitas e discursos sociais baseada en técnicas experimentais. O traballo inclúe a recolleita, codificación, análise de datos e redacción de resultados sobre os discursos da mocidade galega actual.