O Pazo da Cultura e o Teatro Principal súmanse á Rede Española de Teatros
Por Redacción
Os dous principais espazos culturais de Pontevedra, o Pazo da Cultura e o Teatro Principal, forman parte desde este mércores da Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuítos e Festivais de titularidade pública.
A súa adhesión formalizouse na asemblea anual que esta rede, que ten actualmente 157 socios, celebrou en Huesca.
Coa súa incorporación son xa nove as entidades galegas asociadas na rede.
Os trámites para formar parte desta entidade iniciáronse o pasado mes de agosto da man de Carmen Fouces, concelleira de Cultura e a xerente e programadora Pazo da Cultura, Pilar Portela.
A entidade pontevedresa cumpre con todos os requisitos, xa que ademais de formar parte da administración pública e contar con un espazo de máis de 200 localidades debe contar coa figura dun responsable de programación.
Pilar Portela manifestou a ledicia do Concello de Pontevedra por esta adhesión e as vantaxes que traerá tales coma "unha maior visibilidade no panorama estatal, acceso aos circuítos de distribución e xiras, formación, asesoramento xurídico así como beneficiarnos das sinerxías de pertencer á rede, que conta con 157 institucións que representan 800 espazos".