O V Festival das Núbebes, cita irrenunciable se tes un bebé
Por Diego Torrado & Redacción
O Festival das Núbebes é xa unha cita consolidada e irrenunciable para familias con bebés de Pontevedra e a súa contorna. Boa mostra do asentado que está o proxecto é o éxito que acadou durante a súa primeira fin de semana da quinta edición. O V Festival das Núbebes botou a andar este venres e continuará os venres e sábado 29 e 30 de setembro e o domingo 1 de outubro.
Durante esta primeira fin de semana, chegou a diversos espazos da cidade e en todos contou cunha asistencia notable de espectadores a todos os obradoiros e espectáculos da programación, algúns chegados de fóra de Galicia e pezas con proxección estatal e internacional que chegan xa coa fama como carta de presentación logo de gañar premios, como é o caso de 'Sin Palabras', de La Sal Teatro, premio Fetén 2017 á primeira infancia, que se representará o sábado 30 no Teatro Principal.
Na programación están representadas todas as artes escénicas e teñen un peso específico as producións galegas como os 'Contos con Roque' que Baobab Teatro representou este sábado en diversos horarios na Casa das Campás ou as sesións de contacontos e música 'Cucucú' que este domingo 24 capitanearon no Teatro Principal Davide González e Andrea Bayer.
A aposta pola inclusión que se leva a cabo dentro do programa de Núbebes está representada nesta edición polos obradoiros de 'Cociña de cores' organizados pola asociación socio sanitaria educativa inflamatoria intestinal (ASEII) o venres 29 na Casa Azul, a charla de Tetameiga e os obradoiros de iniciación ao ioga 'OHMMMM' que impartirá Amencer Aspace o domingo 1 no edificio do Padroado de Turismo Rías Baixas.