Jaime Falcón e Agustín Pousseu dialogan coa pintura a beira do río
Por Redacción
Dende o 14 de setembro ata o 12 de novembro na sala de exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra, Jaime Falcón (Cambados, Pontevedra, 1942) e Agustín Pousseu (Santa María-Río Grande do Sul, Brasil, 1958) achéganse á corrente do Lérez para dende as súas orelas converter a súa pintura en protagonista do outono pontevedrés.
"Na beira do río. Diálogos na pintura" chega con eles a súa séptima edición. Sete anos dialogando a través das pinceladas de diferentes protagonistas que elixiron a pintura como xeito de expresión e, co paso do tempo, tamén de resistencia fronte a outras disciplinas artísticas e, porque non, fronte a unha sociedade que nunca é o suficientemente agradecida cos seus artistas.
Cunha longa experiencia no mundo da arte os protagonistas desta edición son veciños de Pontevedra e dende esta cidade veñen a renovar a súa sobranceira posición no eido cultural a través da súa propia linguaxe que nesta exposición enguedéllanse entre si para compoñer unha nova mirada dende esa conversa aberta a todos nós.
Ambos traballan dende esa profundidade que esixe a pintura. A loita co lenzo en branco para resolver problemas á hora de armar unha composición axeitada, porque se algo preocupa a ambos é honrar esa paixón pictórica.