A Casa das Campás dá medo
Por Oskar Viéitez
O novo ciclo de cinema "Garda as túas costas" propón, desde este xoves, un percorrido pola historia do xénero do terror.
A área de Extensión Cultural do campus de Pontevedra adica un amplo percorrido fílmico, conformado por trece proxeccións e dous relatorios, que se desenvolverá desde este xoves, coa proxección de O amencer dos mortos, de Zack Snyder, ata o 21 de decembro.
É un ciclo con entrada libre ata completar aforo, que se desenvolverá nas tardes dos venres e xoves dos próximos catro meses na Casa das Campás, onde cada proxección se verá sucedida dun coloquio sobre o filme.
Garda as túas costas propón un percorrido pola historia da sétima arte que abrangue desde os inicios do cinema sonoro ata filmes da última década, pasando polo "salto cualitativo" que o xénero viviu nas décadas de 1960 e 1970.
Deste xeito, o ciclo arranca este xoves ás 19.15 horas, con O amencer dos mortos, unha revisión dun clásico do cine de zombies; e continuará, o xoves 28, con Frankenstein, de James Whale, unhas "das "películas referenciais" dos estudos Universal na década de 1930.
En outubro, o ciclo trasládase xa, nese mesmo horario, ás tardes dos venres, arrincando con Babadook, de Jennifer Kent, directora que o coordinador do ciclo, Suso Novás destaca como "unha das revelacións do terror contemporáneo"; e continuando, o venres 13, con O home e o monstro, de Rouben Mamoulian, outro clásico do xénero.
O 19 do vindeiro mes proxectarase na Casa das Campás Targets, o primeiro filme de Peter Bogdanovich, "unha película metalingüística que inaugura algunhas das vías do que vai ser o futuro do cinema de terror". Tras ela, o día 20, o ciclo retrocede á decada de 1940 para abordar a produción dos estudos RKO a través de A muller panteira, de Jacques Tourneur, e unha semana despois, o propio Novás abordará os inicios do xénero no coloquio A monstrosidade e a polimorfia: alfa e omega do clasicismo.
A cabana no bosque, de Drew Goddard, abre a programación deste ciclo no mes de novembro, no que tamén fará unha inclusión no cinema español coa proxección, o venres 10, de Quen pode matar a un neno, de Narciso Ibañez Serrador. Para sete días despois programouse A cousa, de John Carpenter, unha proxección coa que abordar "como se pode producir unha hibridación entre os contextos do cinema de ficción e fantástico co terror", como apunta o coordinador deste ciclo, que sete días despois abordará nun relatorio o "sismo" que viviu este xénero nas décadas de 1960 e 1970.
Coa proxección de A bruxa, de Robert Eggers, o 1 de decembro, "unha das películas que nestes últimos tempos mellor usou o fóra de campo", o ciclo entrará no seu derradeiro mes, para o que se programou tamén un achegamento a clásicos como A parada dos monstros, de Tod Browning, o xoves 7; e a producións europeas como a francesa Os ollos sen rostro, de Georges Franju, "unha reflexión sobre o poder da mirada, que é a película máis terrorífica do ciclo, aínda que non o pareza". Xa por último, o xoves 21, esta actividade despedirase achegándose ao traballo desenvolvido pola produtora británica Hammer, coa proxección de As noivas de Drácula, de Terence Fisher.