Dimes e diretes sobre unhas estrañas criaturas
Por Oskar Viéitez
Érase unha vella moi vella
á que chamaban dona María.
A pobre vivía soa, moi soa,
sempre triste e aburrida.
Unha mañá subiu ao monte...
A vella dona María subiu un día ao monte e volveu cunha caixa na que gardara varios bichiños silvestres que lle fixesen máis levadía a súa soidade. Sucedeu entón que unha veciña curiosa e algo chismosa quixo saber que había dentro. Dona María díxollo pero a muller entendeu algo que nada tiña que ver coa realidade.
A partir de aí armouse en todo o pobo unha tremenda confusión que chegou a alarmar ás autoridades. Que habería de certo no contido da misteriosa caixa da anciá?
"Animais de compañía" é o último libro publicado por Kalandraka, un relato construído a partir dun xogo de palabras que mostra o moito que pode variar a percepción dos acontecementos ao ir pasando na fala da xente. Estes versos rimados e cheos de humor animan aos lectores para xogar por si mesmos formando e deformando a linguaxe; unha proposta que nos remite á obra de clásicos como Lewis Carroll.
O texto de Manuel Lourenzo González vai acompañado nesta nova edición polas ilustracións de Óscar Villán: co seu estilo persoal e o apoio dun intenso colorido, as imaxes destacan pola expresividade dos personaxes e por reflectir con sinxeleza e eficacia o divertido xogo de palabras.
Relacionadas:
-
Kalandraka chega ao seu 20 aniversario entre as cen primeiras empresas do sector editorial estatal
Por Redacción |
-
O editor pontevedrés Xosé Ballesteros, no xurado dos Premios Princesa de Asturias das Letras
Por Redacción |
-
'Cegoñas no fondo da ría', os artigos de Manuel Lourenzo publicados en PontevedraViva chegan á Feira do Libro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |