O punk dos británicos The Toy Dolls e o ska dos italianos Talco, primeiras confirmacións do SonRías Baixas 2013
Por Alejandro Espiño
A mítica banda punk británica The Toy Dolls e os italianos Talco, cultivadores dun ska revolucionario e festivo, son as primeiras confirmacións do Festival SonRías Baixas que celebrará en Bueu a fin de semana do 2 e o 3 de agosto. Será, segundo a organización, a única oportunidade de ver en Galicia o enerxético directo dos británicos, que levan máis de 30 anos arrasando nos escenarios de todo o mundo.
Rápidos, melódicos e moi divertidos, a banda punk británica The Toy Dolls chega ao SonRías Baixas coa súa xira The tour after the last one e prometen non deixar títere con cabeza coa súa mestura pop-punk de frenéticos solos de guitarra, letras humorísticas e coros socarróns. O piar fundamental do grupo é o seu guitarrista e cantante, Michael "Olga" Algar, que ten sido descrito como un dos guitarristas máis orixinais e descarados da historia do punk.
Sobre el recae o peso dun directo arrollador e uns temas que marcaron a múltiples xeracións, sinais de identidade dun grupo que non deixa de sumar fans en toda Europa, Estados Unidos e Xapón. "Olga" ven acompañado por Duncan Redmonds, na batería, e Tom Goober, co baixo. O que presentan é o 16º traballo da súa traxectoria musical, The Album After Last One, publicado en marzo de 2012 en España polo selo Maldito Records.
Talco, ska-punk antifascista para rebelarse bailando
Ska, punk, rock, folk, música balcánica... no "punk-chanka" de Talco caben todos os xéneros, sempre que se presten ao baile e á crítica política. Nacida en Marghera, un barrio industrial das aforas de Venecia coñecido por acoller unha das maiores rebelións obreiras da historia de Italia, a banda alternativa italiana que máis éxitos colleita en Europa caracterízase por un imparable apetito pola troula, dentro do marco da reivindicación anti-fascista, anti-racista e anti-capitalista.
No SonRías presentarán o seu novo disco, Gran Gala, que viu a luz en novembro de 2012 a mans de Destiny Records e Broken Silence. Gran Gala é o seu traballo máis variado instrumentalmente e nel péganlle un bo repaso a Berlusconi, quen nas palabras de Talco: "arruinou a historia dun país que ten un forte arraigo na resistencia".
A organización promete máis sopresas para as próximas semanas e pon xa á venda na súa web as primeiras 500 entradas a un prezo reducido de 18 euros o abono dos dous días, coa acampada incluída, unha oferta sen comparación, destacan, nos festivais da península. A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do estado.