O museo Manuel Torres acolle durante setembro a mostra 'Rexas. Mulleres baixo o terror franquista'
Por Redacción
A exposición 'Rexas. Mulleres baixo o terror franquista' permanecerá aberta ata o 30 de setembro no museo Manuel Torres de Marín ofrecendo imaxes de 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas e encarceradas durante o período franquista, ademais de sufriren vexacións de corte sexista.
O deputado provincial Xosé Leal, a alcaldesa de Marín, María Ramallo e a comisaria da mostra, Montse Fajardo, asistiron á apertura desa exposición do mesmo xeito que familiares de mulleres represaliadas na comarca ás que lembraron Ana María Aller, Lola Rodríguez e Marisa Santiago.
A mostra está a percorrer diferentes comarcas da provincia causando un gran impacto entre os asistentes. Montse Fajardo destacou que as mulleres da comarca atópanse presentes en todos os paneis e o máis destacable é o altísimo compromiso que tiveron na loita sindical e afirmou que só os casos de Marín xa darían para unha única exposición.
Lola Rodríguez, unha das familiares das mulleres represaliadas, lembrou á súa avoa "doña Lola", que foi mestra de Seixo e sinalou que era unha muller firme e independente á que lle quitaron a escola e a profesión para tela presa con outras mulleres.
'Rexas' recolle 26 historias de mulleres represaliadas do Morrazo, que representan exemplos de cada unha das tipoloxías de represalias.