O ciclo de cinema árabe "Amal en Ruta 2017" trae a Pontevedra sete películas dedicadas á muller
Por Redacción
A Fundación Araguaney-Ponte de Culturas e o Concello de Pontevedra organizarán a próxima semana o ciclo de cinema árabe "Amal en Ruta 2017", un resumo da última edición da Semana de Cinema Euroárabe Amal, celebrada en outubro de 2016 en Santiago de Compostela e dedicada á muller. Poderanse ver cinco películas de ficción e dous documentais, todas as cintas subtituladas en castelán, do 4 ao 9 de setembro no Teatro Principal de Pontevedra.
As sesións comezarán todas ás 21:00 horas, pero o xoves 7 celebrarase unha dobre sesión, cunha curtametraxe ás 21:00 horas e un documental de ficción ás 21:15 horas.
Coa súa filosofía de sempre, Amal pretende achegar a cultura árabe á sociedade galega.
"Ama, loita, soña, Amal" foi o lema desta última edición, inspirado nas palabras de Víctor Hugo na súa obra emblemática "Os miserables", un literato que tamén foi refuxiado por loitar contra o imperio de Napoleón.
AMAL 16 presentou ao público once películas do cinema árabe actual, centradas case na súa totalidade no papel da muller nas súas diversas facetas "muller loitadora, traballadora, nai" na sociedade musulmá, e tamén na sociedade europea.
Ademais, moitas das cintas están dirixidas por mulleres, o que segundo o presidente da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez, "reafirma a nosa aposta por ofrecer un achegamento á realidade social, cultural e política do mundo árabe, neste caso centrándonos en en papel da muller".
A Fundación Araguaney-Ponte de Culturas creouse en Santiago de Compostela en 1984 para provocar un achegamento cultural entre o mundo árabe, Hispanoamérica e Galicia a través do patrocinio artístico, a edición literaria, a organización de exposicións, de concertos, de coloquios e doutras actividades culturais de diversa índole. En concreto, o festival de cinema Amal, que significa esperanza en árabe, naceu en 2002 co obxecto de traer a Galicia o mellor cinema árabe.