Poio recupera o Festival da Ameixa con Milladoiro, Los Secretos e Astarot
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
O Festival da Ameixa regresa, despois de varios anos de parón por culpa da crise, coincidindo co trinta aniversario da Festa da Ameixa.
O venres 8 de setembro ás dez da noite na Praza da Granxa de Campelo actuará o grupo Milladoiro.
O sábado 9, ás dez e media, serán os concertos de Los Secretos e Astarot.
Todos estes concertos terán entrada libre e de balde, tal e como destacou o concelleiro de Festas, Xosé Lois Martínez, durante a presentación deste evento no que estivo acompañado polo deputado de Cultura, Xosé Leal. Ambas as dúas institucións colaboran na organización deste evento.
Ademais, a programación do festival inclúe un desembarco pirata e xogos infantís na Illa dos ratos, organizado pola Asociación de mulleres Arela.
O festival será o preludio da Festa da Ameixa que se celebrará en Campelo a seguinte fin de semana, os días 16 e 17 de setembro.