O Museo de Pontevedra supera os cen mil visitantes no que vai de ano
Por Redacción
A piques de rematar agosto, os edificios visitables do Museo de Pontevedra xa superaron a cifra dos 100.000 visitantes, unha cifra que no ano pasado se acadara no mes de novembro.
Un dos factores que contribuíron a este incremento foi a apertura das ruínas de San Domingos desde o mes de abril, tras o habitual peche nos meses de inverno, e a programación de actividades complementarias nos meses de abril e maio, tales como obradoiros do gabinete didáctico, presentacións de libros e documentais, ou actividades especiais con motivo do Mes dos Museos ou do Día das Artes Galegas.
Por meses e nos edificios Sarmiento e Sexto, os que máis visitas contabilizaron foron o mes de marzo, con 6.797 visitantes, e maio con 6.447. No mes de marzo destacan as visitas á mostra "Soños" do fotógrafo pontevedrés Miguel Vidal, que ocupaba dúas das salas de exposicións temporais do Sexto Edificio. De feito, a mostra deste autor dedicada á fotografía contemporánea, que tivo lugar entre o 16 de febreiro e o 16 de abril, foi a que máis visitas contabilizou polo momento, chegando aos 9.438 visitantes.
Pola súa banda, as actividades complementarias á actividade expositiva e as colaboracións con outras entidades tamén contribuíron a incrementar o número de persoas que visitaron o Sexto Edificio.
De cara o último cuadrimestre, o Museo de Pontevedra aínda programará tres mostras temporais máis. O 5 de outubro está previsto que se inaugure a exposición dedicada a María Vinyals, que fará un percorrido pola súa obra e vida, facendo especial fincapé na súa traxectoria como figura precursora do feminismo. Esta mostra permanecerá no Sexto Edificio ata o 12 de novembro. Ademais, do 10 de outubro e ata o 12 de novembro, exhibiranse as obras resultantes das bolsas outorgadas aos catro gañadores e gañadoras do certame Novos Valores 2016.
O broche final na programación deste exercicio corresponderá á obra do artista pontevedrés de marcada proxección internacional, Jorge Castillo, cunha mostra retrospectiva que se poderá visitar entre o 30 de novembro e o 28 de xaneiro de 2018.