Baobab Teatro, seleccionada entre mil compañías para a XX Feira de Teatro de Castilla y León
Por Redacción
A compañía pontevedresa Baobab Teatro volverá este ano, como en 2015, á Feira de Teatro de Castilla y León 2017. Representará a súa obra Pum, Pum! na XX edición da cita cultural, que se celebrará entre este martes 22 e o 26 de agosto en Ciudad Rodrigo.
Pum, Pum! é unha das 44 obras seleccionadas de entre máis de 1.000 propostas nacionais e internacionais recibidas pola organización desta feira teatral. En concreto, a súa representación será este mércores 23 de agosto ás 11.00 horas no Teatro Nuevo Fernando Arrabal.
A feira, que este ano alcanza a súa 20 edición, é unha das máis importantes de España e todo un referente a nivel internacional. Hoxe en día é un dos escaparates profesionais máis importantes de España e do resto de Europa na difusión das artes escénicas. Poderán verse todo tipo de propostas e formatos para público adulto e infantil, coa calidade que garante sempre a excelente selección da organización do Festival.
Pum, Pum! un espectáculo tenro para nenos a partir de 5 anos que fala de historias cotiás que lles pasan aos nenos destas idades, pero tamén fala dunha mensaxe clara: dende moi pequenos deben saber que ninguén lles pode obrigar a facer cousas que non queren. Marieta é unha nena coma calquera de 5 anos, ela está rodeada de portas, portas que se abren e contan historias, historias que teñen música e cantan cando ela quere, pero ten unha porta que garda un segredo. Un segredo que nunca contou e que ninguén escoitou.
En Pum, Pum!, a dirección está a cargo de Óscar Ferreira e sobre o escenario estarán a actriz e dramaturga Andrea Bayer e o actor, músico e director Davide González. Daniel Abalo é o encargado do deseño de luz e son, a escenografía é de Óscar Ferreira e Jose Manuel Vidal e o guión é de Andrea Bayer.
Relacionadas:
-
Baobab Teatro, un dos 9 finalistas nos XXII Premios de Teatro María Casares
Por Alejandra Iannone |
-
RADIO.- Baobab estreará o espectáculo "Pumpún, unha historia para cambiar o mundo" no Salón do Libro
Por Marisa Ciordia |
-
Baobab Teatro acada o premio ao mellor espectáculo infantil na Feira de Teatro de Castela e León
Por Redacción |
-
Baobab, unha entre mil na XVIII Feira de Teatro de Castilla y León
Por Redacción |
-
Baobab Teatro representará a Pontevedra na feira europea máis importante de teatro familiar
Por Redacción |