Pasajero, unha das bandas máis prometedoras do 'indie' español, elixe Vilagarcía para presentar o seu disco
Por Alejandro Espiño
ÿ unha das bandas máis interesantes e prometedoras do panorama 'indie' español. E por fin teremos a sorte de poder velos en Galicia. Estamos falando de Pasajero. Protagonizarán unha minixira de dous concertos que os traerá a Vigo e Vilagarcía de Arousa. Este último será o venres 10 de maio na Sala Samá Samá. Virán da man da iniciativa da Rede Galega de Música ao Vivo.
Pasajero é un grupo de rock madrileño que xorde trala disolución de Zoo, dos que incorpora a dous dos seus compoñentes, Daniel Arias (tamén en Nuevenoventaicinco) e Josechu Gómez (tamén en Nudozurdo e Gelo Nutopia), aos que se lles unen Eduardo Martín (Gizmo) e Eduardo R. Paynter (La Casa del Árbol). O seu primeiro traballo foi un EP, editado en 2011, co que conquistaron á crítica e ao público.
Tras fichar pola discográfica pontevedresa Ernie Records, gravaron o ano pasado o seu primeiro disco, Radiografías, un traballo co que debutaron en formato longo e que gravaron nos estudos El Lado Izquierdo de Dany Richter.
Nel, contaron con Manuel Cabezalí en labores de produción e con colaboracións como as de Álex Ferreira, Jorge González (Vetusta Morla), Nahúm García (Clint), Javier Couceiro e o propio Cabezalí (Havalina).
As entradas para este concerto en Vilagarcía de Arousa poranse á venda nos próximos días.