Pontevedra, Vilagarcía, Bueu, O Grove e Caldas, nunha nova edición da Rede Galega de Música ao Vivo
Por Redacción
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a celebración dun total de 96 concertos e funcións escénicas durante o novo período de programación da Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV), que se desenvolverá a partir do 6 de abril e ata finais de agosto nun total de 26 salas de toda Galicia.
A través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), el departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad destina este ano 75.000 euros ao financiamento deste circuíto de música en directo en salas de pequeno aforo. Esta contía supón o 85% do orzamento da RGMV para 2013, mentres que o 15 por cento restante é achegado polos locais que acollen as actuacións.
Para esta primeira carteleira do ano, as salas adscritas seleccionaron un total de 27 formacións, 25 bandas de música e dúas compañías escénicas, para configurar unha variada oferta, maioritariamente galega e na que figuran grupos de todos os estilos, que van do rock ao jazz, pasando polo pop, o folk, o blues, o heavy ou a electrónica, entre outros.
Atendendo ao número de concertos programados, sobresae no calendario a banda viguesa Eladio y los Seres Queridos, con dez concertos en cartel, así como Bastards on Parade, Los Mecánicos, Mónica de Nut e Virxilio da Silva, Niño y Pistola, Pablo Seoane, Talesien y The Cornelius, con cinco actuacións cada unha delas.
Completan a relación de grupos participantes Alberto Vilas Quintet, Aló Django, Antonio Otero Quartet, Carlos Childe Troupe, Colectivo Oruga, Doctor Gringo, Edu Manazas & Whiskey Tren, Holywater, Igloo, Lupercal, Miki Nervio and The Bluesmakers, Monkillos, Pasajero, Rusos Blancos, Sin Red, Sleeping Cat e Suelen Estar Quartet, xunto co Mago Teto e a compañía Producións Dispersas.
Nesta primeira parte do ano, a carteleira da Rede Galega de Música ao Vivo desenvólvese en 26 locais, a través da que chega aos espectadores dun total de 19 localidades. Entre elas, Bueu (Sala Aturuxo), Caldas de Reis (Pub Zona Zero), O Grove (Náutico), Pontevedra (Sala Karma) ou Vilagarcía de Arousa (Sala Samá Samá).
Impulso á profesionalización
Creada en 2007 en colaboración coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura e co obxectivo de lles ofrecer aos grupos e intérpretes galegos unha canle estable e específica para a difusión dos seus directos, a RGMV experimentou nos últimos tempos un importante salto cualitativo respecto á súa profesionalización na procura de garantir as mellores condicións para a realización dos concertos.
Este ano deuse un novo paso neste sentido a través do acordo ao que chegaron Agadic, Clubtura e a Asociación de Músicos ao Vivo para establecer uns límites mínimos nos prezos das actuacións, en función do número de compoñentes dos grupos, por debaixo dos cales non se poden formalizar as contratacións.
Ademais, de acordo co regulamento que rexe o circuíto desde 2011 e tras o estudo técnico que levou a cabo a Axencia Galega das Industrias Culturais para avaliar as salas en canto á súa dotación técnica, programación e localización, entre outros aspectos, todos os espazos adscritos cumpren unha serie de estándares de funcionamento e todas as funcións que se celebran no marco desta rede son producidas e distribuídas de xeito profesional.