VIDEO.- En Pontevedra... cantamos todos!
Por Redacción & Diego Torrado
Curros Enríquez. Foi a praza na que este venres comezou unha curiosa peregrinación. Centos de persoas percorreron cantando catro enclaves emblemáticos do centro histórico de Pontevedra. Era o espírito dunha actividade denominada Aquí cántase, organizada pola asociación cultural Maravallada.
Máis de duascentas persoas participaran nos catro ensaios realizados para preparar estas actuacións, pero moitos máis se uniron de forma espontánea, respondendo o chamamento dos organizadores.
Todos eles lograron que nas prazas de Pontevedra resoasen como nunca algunhas das cancións máis populares da música tradicional galega como A Rianxeira, o tema que cantaron ao unísono en Curros Enríquez.
Alí, Maravallada entregou a letra das cancións que se ían a interpretar para que ninguén puidese ter escusa para non unirse a este canto colectivo.
Da man de Nelson Quinteiro, director deste gran coro, os participantes actuaron a continuación nas escaleiras do Teatro Principal, na praza Celso García de la Riega e na praza da Leña.