20 voluntarios rodan unha curtametraxe en Cerdedo-Cotobade sobre riqueza etnográfica
Por Redacción
A xefa territorial de Política Social en Pontevedra, Marta Iglesias, visitaba este martes aos voluntarios que están a realizar actividades participativas no campo de traballo 'Un rural de cinema', que organiza a Xunta no concello de Cerdedo-Cotobade.
Este campo de traballo conta con 20 mozos de diferentes lugares de España e doutros países, que realizan actividades de carácter audiovisual e social. Sete son galegos, oito pertencen a outras comunidades autónomas e cinco son estranxeiros, pertencentes a Italia, Rusia, Turquía e Francia.
Realizan unha curtametraxe sobre o valor social e cultural do rural galego, involucrando no proxecto a persoas voluntarias. O obxectivo é fomentar as tradicións e a cultura do rural.
Durante este campo de traballo realizaranse actividades complementarias como ruta en kaiak de mar, tiro con arco, rutas en paddle surf, edición de imaxe e son, obradoiros de retoque fotográfico, saídas culturais e unha visita á Illa de Arousa.
O presidente do municipio Jorge Cubela asistiu á recepción destes mozos participantes. Durante estes días tamén se desenvolve outro campo de traballo no concello de Vilanova de Arousa, que ten como principal actividade a limpeza da senda da costa do Terrón-Patiñas, de gran valor ecolóxico e turístico.